Encontro literario con Fina Casalderrey

 
            Fina Casalderrey é unha coñecida escritora galega. Nada en Xeve (Pontevedra), traballou como profesora de Educación Secundaria, gastrónoma, conferenciante, etnóloga vocacional e xornalista. Foi premiada en varias ocasións polas súas obras.

    Tras unha breve introdución, Fina falounos dos seus comezos como escritora. Relatounos como, de nena, unha veciña anciá, que non sabía nin ler nin escribir, lle pedía a ela que lle lese as cartas que lle enviaba o fillo e que escribise as contestacións.


    Tamén nos explicou, emocionada, a vez que a veciña lle ditara, con frases que se amosaban o seu anozo, que lle gustaría volver a contar coa presencia do fillo, quen levaba tempo sen ir a visitala. En cambio, Fina escribiu que o botaba en falla e que esperaba que volvera. "Era iso o que ela quería dicir, só que o expresaba con palabras máis “feas”" comentounos cun nó na gorxa. 


    Fina Casalderrey escribiu posteriormente o guión dunha curtometraxe chamada “Dúas Letras” que está baseada na historia da veciña mentres esta agarda polas cartas do fillo. A protagonista é Teresa Fraga (a propia nai de Fina!), mentres que o carteiro é interpretado polo marido da guionista.


    Despois proseguiu coa súa novela: “A Pomba e o Degolado”. Un libro que os alumnos leran para a materia de Lingua Galega e Literatura que se atopa entre as súas múltiples obras máis destacadas. Un alumno que ela tivera, a casa dun amigos que tiñan unhas grandes gaiolas para paxaros no xardín, unha ponte coñecida... Resultaron pezas que unir para crear a historia de André. Tamén aclarou que ela xogara coa orde dos feitos nesa historia, facendo que ocorrese toda no mesmo día ao transformar os feitos pasados en lembranzas do protagonista durante o seu traxecto á cita “coa Pomba do chat”, a cal nunca chega a producirse.


    Mais a hora chegaba ao seu fin e tras despedirse amablemente dos alumnos deu por finalizada a videocoferencia cunhas fermosas verbas e coa esperanza de poder celebrar un encontro físico o antes posible. 


                                                       Laura Mosquera García 2º E.S.O. B

Comentarios